terça-feira, 22 de janeiro de 2008

A CRÍTICA GALEGA

Un dos obxectivos das manifestacións públicas dun señor que pertence á Real Academia Galega como é X.L. Franco Grande vén sendo o de teimar na idea da inexistencia da crítica literaria á que se lle acusa de emitir xuízos delirantes e de falta de honradez intelectual.

Na súa opinión a crítica literaria galega debería contar cos atributos de ser orientativa e non pedante, no caso de que ela existise, pois a súa mesma existencia é posta en dúbida. O sr. Franco Grande, daquela, non infravalora senón que denigra, invisibiliza e despreza o traballo de interpretación crítico e valorativo daqueles que a exercemos, con maior ou peor fortuna, e sempre coa máxima honradez intelectual.

Mais non queda aquí a cousa: como consecuencia esvae dun plumazo unha tradición na que, os que nos dedicamos a isto, optamos por estar situados: aquela que bebe dos homes de Nós, que resistiu nos tempos do franquismo e que nos precede neste últimos vinte e cinco anos, xustamente aquela que pretende visibilizar o libro galego, orientar e informar. Teño para min que estas afirmacións públicas non lle fan favor ningún nin á nosa cultura nin á nosa literatura, algo que un señor académico ben debería saber e respectar, aínda que só fose polo posto que ocupa.

Asinan este documento

*Ramón Nicolás

*Comisión Xestora da Sección de Crítica da AELG