terça-feira, 26 de fevereiro de 2008

ARTIGO DE LAURA CAVEIRO

CAMBIO E CRÍTICA

Hai algún tempo, unhas cantas lúas de varias estacións, houbo dúas novidades que semellaron facerme respirar aire fresco. Non lembro en que orde apareceron, de seguro que canda a espiritualidade oriental, pero foron un libro por unha banda, e unha noticia da Asociación de Escritores en Lingua Galega pola outra.

O libro era o ensaio Arte e parte, de Xurxo Borrazás, editado por Galaxia. Sería a intelixencia, sería o humor, sería a valentía desas páxinas... O caso é que desde que o lin xa non me abafan nin a pedantería, nin a naturalidade, nin o anverso, nin o reverso, nin o postureo literario, nin a sinxeleza, nin a terra, nin o ceo, nin os editores, nin os premios literarios, nin a sombra, nin a luz, nin ningunha outra manifestación literaria ou extraliteraria do ying e do yang.

A outra novidade é que a Sección de Crítica Literaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega comezaba a súa andaina. Traballaron, como ensina a filosofía chinesa, mirando cara a adiante, entre a choiva e o sol, entre o brando e o duro, entre o frío e o quente, coa confianza de rematar algún día coa invisibilidade dun labor non sempre valorado. A súa primeira actividade foi a celebración dunha xornada, en setembro do 2007 en Santiago, sobre a crítica literaria, que lles serviu para darse a coñecer, como punto do que se parte ata o cumio que se desexa acadar, como toma de contacto, e para darlle pulo á crítica literaria na Galiza. Que sexa por moitas lúas de mil estacións máis.


Laura Caveiro

(Publicado en A Nosa Terra, nº 1.299, 21 de febreiro de 2008)